MALPIKA 3

Información en: http://www.bicis.info/foro/viewtopic.php?p=11323#11323

Advertisements

Definitivamente, a cidade é unha xungla. E non se entende por qué a tanta xente lle parece que tal constatación é unha mala noticia. Ao contrario, a quen sabemos das vantaxes da biodiversidade e da cooperación entre especies parécenos estupendo que ese caos auto-organizado que son as urbes se pareza, na súa complexidade i exuberancia, a unha desas selvas tropicais por cuxa preservación tanto se loita. Só ao máis vulgar dos darwinismos sociais podería antoxárselle que o que as metrópoles sexan non unha negación, como se pensa, senón unha apoteose dos mecanismos que rexen a natureza implica algo así como o triunfo do máis agresivo, do máis poderoso, do máis déspota. Como Darwin xa nos fixera notar, nas xunglas non prospera o máis forte, senón o máis adaptado.

Porque as cidades, en efecto, son unha xungla, o elemento que ten máis porvir nelas non é o equivalente mecánico dos grandes depredadores, os vehículos máis potentes, máis veloces e polo xeral máis destrutivos. Cun 4×4 un pode arrasar medio monte para demostrar o seu amor pola vida ao aire libre. Cun coche-bala pode un arrogarse un precario dominio sobre as circunstancias un venres pola noite. Cunha moto de gran cilindrada pódese sentir, de pronto, o que debe ser ter algo de verdade potente entre as pernas. Pero todos eles fracasan cando, a unha hora punta, se enfrontan ao que ocorre na xungla de asfalto, demostran a súa incompetencia, perden a partida ante o ímpeto da natureza urbana desatándose ao seu redor. Nese contexto volve a cumprirse a lei da selva, e a man gáñaa de novo a astucia da besta que se afai mellor ao seu nicho ecolóxico, que se prega ás súas necesidades e que por iso merece non só o beneficio da supervivencia senón tamén as vantaxes de todo tipo de intercambios co seu medio ambiente. O que mellor se axusta á violencia estrutural dunha cidade abandonada ás súas propias enerxías é, recoñezámolo, a humilde e vulnerable bicicleta.

Coa bicicleta un atópase ante un deses típicos paradoxos da condición de civilizado. Pasa como co nudismo. Ir nu pode ser hipercivilizado ou subcivilizado, ou es un naturista socialdemócrata sueco ou un redutor de cabezas da Amazonia. O uso civil da bicicleta é vítima dun contrasentido polo estilo. Os cidadáns desprázanse en bicicleta nos países máis pobres (Cuba, Marrocos, Vietnam…) e nos máis ricos (Holanda, Xapón, Canadá…). Hai países que van tan atrasados que a xente aínda vai en bicicleta. En cambio outros son tan avanzados que a xente xa comeza a ir en bicicleta. Ler o resto desta entrada »

ZGZ_rebelde
O enemigo rebelde a someter non é outra cousa que o que Lefebvre define e describe como o urbano. E, que é o urbano? O urbano non é a cidade. A cidade é unha base material, unha morfoloxía, un dato presente e inmediato, algo que está aí. O urbano é outra cousa: unha forma específica de organizar e pensar o tempo e o espazo en xeral que non require por forza constituírse como elemento tanxible, posto que podería existir i existe como mera potencialidade para actos e confluencias realizados ou virtuais. O urbano é a obra da xente, en vez de imposición como sistema a esa xente. Un punto cego que escapa da fiscalización de poderes que non saben qué é nin de qué está feito. A pesar dos ataques que recibe por parte de quen viven obsesionados coa súa desactivación, o urbano persiste e incluso intensifícase, posto que se nutre do mesmo que non deixa de alteralo. Sen poder impedilo, no seu seno a simultaneidade dos encontros persiste e gaña en complexidade, constituíndo e reconstituíndo centros, multiplicándose e intensificándose entre contradiccións.

Extracto de “Lo urbano como desacato. Actualidad de Lefebvre”. Reseña de “La producción del espacio”, de Henri Lefebvre (Capitán Swing, 2013).

Créditos de imaxe: Zaragoza Rebelde.

Bici_PalaveA

Bicicletada en solidaridade co CSO Palavea, baixo ameaza de desaloxo. Este sábado 14, saída ás 12:00h no Obelisco. Fin de festa con xantar, música e degustación de tall bike no centro social.

VIIIaniversarioMCcorunhaReducido

A Masa Crítica está morta. A Masa Crítica da Coruña está morta. Fai pouco máis duns cinco anos na cidade apenas unhas poucas ducias de persoas nos desprazábamos decote en bici, case que nos coñeciamos todas, hoxe somos unha marea crecente e respétasenos bastante máis. Algunhas das xentes que sacaban a bici pouco máis que para «ir á masa» agora fano a diario, e algunhas das que tiveron nas bicicletadas a súa primeira experiencia nos movementos sociais convertéronse en activistas altamente implicadas en diferentes comunidades e loitas sociais, pódese falar dunha verdadeira eficacia existencial, dun movemento capaz de cambiar formas de vida. Os lazos de veciñanza, amizade, colegueo, amor, etc. entre participantes seguen a darse, as iniciativas que foron agromando ao redor da masa conseguiron manterse e seguen funcionando: o taller reCiclos, Mobi-Liza, a Ciclofactoría, etc. A forma de organizarse e actuar da Masa Crítica está hoxe moitísimo máis estendida que fai oito anos. Pero a masa está morta. A bicicletada, o paseo, o evento, está morto, nos últimos meses pouco máis de dez persoas en cada cita. A poética do espazo público recuperado e compartido xa non se dá, canta menos masa peor se pasa, e a tensión creativa entre mes e mes tamén desapareceu deixándoo todo como un xardín abandonado, cheo de recordos alucinantes, iso si.

Ironicamente o aniversario da masa cae este ano no día dos mortos, en que a tradición di que os finados poden volver ao mundo vivo e visitar os lugares que habitaron e as persoas que amaron, quen sabe. Apelamos en todo caso ao potencial da morte para xuntar ao redor dela aos vivos. Vémonos na masa!

Venres 1 de novembro, día d@s mort@s, saída ás 20:00h da Praza de María Pita.

Cartaz para descargar: https://velosofia.files.wordpress.com/2013/10/viiianiversariomccorunha.png

DSCF5265 
Queremos estender un chamamento moi especial á comunidade ciclista da cidade da Coruña, e a todas as persoas que desexan unha mobilidade socialmente beneficiosa, pacificada e libre dos moi nocivos privilexios do automóbil privado, a participar na Masa Crítica deste venres 5 para manifestar o seu rexeite ás reformas do Regulamento de Circulación que desde fai meses vén anunciando o Ministerio do Interior, e que xa foron plasmadas fai escasos días nun borrador de decreto de reforma presentado pola Dirección Xeral de Tráfico.
 
Cremos que estas reformas implicarían unha gran perda de dereitos que de forma colectiva, cotián e práctica fomos multiplicando entre tod@s nos últimos anos. Habería un marco legal máis permisivo co acoso d@s ciclistas por parte de automobilistas e administracións, e marcadamente desincentivador do seu uso, o que non faría senón aumentar os riscos de padecer accidentes, lesións e a morte. Ler o resto desta entrada »

 

Carlos pedalea nunha bici-licuadora para facer zume de mango e laranxa. Aquí, no taller de Maya Pedal, na comunidade de San Andrés de Itzapa, ao sur de Guatemala, están construíndo bici-máquinas cunha ampla variedade de funcións: debullar millo, lavar roupa, bombear auga ou xerar electricidade entre outras. Moi cerca, en México, a poboación rural sofre problemas económicos, mais rexeita as supostas solucións gobernamentais: mega-proxectos de embalses, de produción e xestión centralizada de enerxía, que desbaratan as comunidades e as converten en dependentes dos mercados internacionais, as grandes corporacións e as políticas estatais. No estado sureño de Chiapas, por exemplo, 400.000 persoas -do millón de habitantes deste estado- deixan sen pagar as facturas eléctricas, en moitos casos fan parte dunha campaña organizada contra as maquinacións do goberno, mentres noutras simplemente non hai posibles para atender as facturas. Unha das iniciativas ao respecto foi a creación dunha rede de electricistas independentes, que imparten obradoiros sobre cómo reconectar a electricidade ás comunidades. Outra iniciativa pode atoparse no grupo «La Casita» (C.A.C.I.T.A. -Centro Autónomo para a Creación Intercultural de Tecnoloxías Apropiadas), na cidade de Oaxaca, que en oposición aos grandes proxectos pretende aumentar a autonomía das comunidades indíxenas e os pequenos agricultores. Ler o resto desta entrada »

 

Dez anos despois de ser desaloxado en medio da remodelación do barrio madrileño da Ventilla,  o taller de Higinio Domingo Perucha volve estar baixo ameaza. O colectivo Dentera lanzou nas pasadas semanas unha campaña de crowfunding para financiar, ademais da defensa legal, un proxecto documental co que denunciar un segundo proceso de desaloxo, novamente vencellado á especulación inmobiliaria, e profundizar na vida e obra do mestre. Perucha, matriceiro e artesán da bicicleta, é unha figura heterodoxa no ciclismo. Ex-corredor e técnico campión, vencellado ao deporte corporativo, desenvolve non obstante un traballo no seu taller que reinventa os modos de participación e organización social en torno a unha tecnoloxía globalizada.

 

Obradoiro de ergonomía, mantemento e reparacións básicas da bicicleta.
Martes 18 de nadal, desde as 17:00h na nova cafetaría do CSOA Palavea.
r/Río Quintas 31.
Liñas de bus: 1A, 20 e 22.
http://okupacorunha.wordpress.com

A bicicleta é crecentemente empregada nas nosas cidades e vilas como resposta directa aos problemas materiais e inmateriais que presenta o sistema automobilístico. Neste obradoiro ocuparémonos dalgúns aspectos técnicos desta encantadora maquinaria: o regulamento, o coidado e as reparacións básicas das nosas monturas, que requiren un xogo de coñecementos bastante simples e, sen embargo, cruciais para facer delas un medio de transporte máis eficaz, fiable e agradable.

A participación é aberta e de balde, e non son precisos coñecementos previos de mecánica para a aprendizaxe.

Despois do obradoiro haberá unha sesión de auto-reparación, con ferramentas a disposición de quen queira arranxar a súa bici ou axudar a outras persoas a facelo.

Horarios:

> 17:00 – 18:00h: Ergonomía e mantemento.
> 18:00 – 18:10h: Descanso.
> 18:10 – 20:00h: Reparacións básicas.
> 20:00 – 22:00h: Sesión de auto-reparación.


http://masacriticagalega.wordpress.com

reCiclos é un taller non comercial de reciclaxe e reparación de bicicletas. Abrimos cada luns de 18:00 a 21:00h no soto do número 115 da r/Barcelona (A Coruña). [+info]
Creative Commons License
Advertisements