Á vista da profusa blogosfera en favor da bicicleta, cabe cuestionar a singularidade e pertinencia de cada nova proposta. E isto é algo que amola bastante abordar nun comezo, por aquelo de saber que non hai máis camiño ca o que se fai ao andar.

Con todo, sempre se comeza polo medio. Sempre se está xa a algunha cousa i este blogue insírese nunha experiencia de activismo tecnosocial en reCiclos, un taller de bicicletas non comercial, xestionado de maneira independente e comunitaria i encadrado no movemento Masa Crítica da Coruña.

Sen ser unha publicación oficial de tal movemento, senón unha persoal palabra calquera dentro das súas propias dinámicas xerocráticas, a aproximación de Velosofía á bicicleta toma a perspectiva da transformación persoal e social. Da construcción do convivencial, do común e das liberdades a través dunha crítica holística, transversal, da mobilidade.

A intención é aportar á conformación de marcos referenciais -en sentido amplo- compartindo as experiencias propias e interesándose polas alleas, haberá tamén que exhumar fíos históricos e cruzalo todo co desenrolo de marcos conceptuais.

Nun artigo de fai tempo no periódico Diagonal, Montserrat Galcerán explicaba o que para Guilles Deleuze e Félix Guattari significaba filosofar cunha plasticidade moi acaída para o contexto. “Construir conceptos [a tarefa da filosofía], é como inventar un desparafusador ou perfeccionar un martelo”.

Aquelo era algo así como un alegato a extender os principios éticos da cultura DIY (participación, empoderamento, creatividade) ao campo da producción de coñecemento; “é imprescindible recuperar a idea de que o coñecemento é algo que se produce colectivamente e que é algo do que precisamos apropiarnos para non estar constantemente sometidxs á choiva de informacións contradictorias […] [senón construir] aquela trama coa que temos que medirnos para descodificar o discurso dominante e para construir outro que aumente a potencia colectiva. Non podemos abandoar o longo e paciente traballo de conceptualizar, como se fora algo que non nos atinxe. Sería como se en vez de construir unha intelixencia compartida, sinxelamente nos cortáramos a cabeza na inxenua convicción de que podemos pensar cos pulmóns ou co corazón, e de que podemos andar cos pes… dos outros”. 

Distorsión da noción precísamente guattariana de ecosofía, o velosófico é un intento de articular algo que comprenda a dimensión medioambiental, cultural e política da mobilidade e da tecnoloxía bicicleta.

Teño a teima de que a ecosofía, as ferramentas postas a punto polos estudos culturais sobre subculturas e poder ou traballos xa centrados no territorio bicicleta como os descomunais de Zack Furness no contexto estadounidense, ou os máis recentes de Elísabeth Lorenzi sobre os talleres de autoreparación de bicicletas madrileños, poden ofrecer no noso ámbito cousas parecidas ao desparafusador ou o martelo dos que falaba Galcerán. Velosofía vai un pouco diso.