Nun ambiente celebrativo e formativo, a finais do pasado xullo tivo lugar nun pequeno pobo austríaco a primeira edición do Cyclocamp, un festival Do It Yourself (faino ti mesmx) de carácter transnacional -na práctica fundamentalmente europeo- en torno á creatividade político-cultural do activismo ciclista que reuniu a cerca de duascentas persoas de máis dunha trintena de proxectos diferentes.

O Cyclocamp revelouse como un encontro sen par a esta beira do Atlántico -en Norteamérica existe o homólogo BikeBike!– debido á confluencia de activistas de moitos países diferentes e o seu carácter decididamente comunicacional e reflexivo. Sen disquisicións teoréticas moi elaboradas nin moita amplitude de observación (levarían máis tempo do que agora dispoño e máis traballo do que levo feito), neste post comparto as notas tomadas durante a semana que durou o festival e pouco máis.

A (contra)institucionalidade do ciclismo. A crecente relevancia dos talleres autoxestionados.
Pola súa baixa pegada medioambiental, alta fluidez de circulación, simplicidade de condución e mantemento técnico ou beneficiosos impactos sobre a saúde das poboacións, por citar algunhas razóns, a bicicleta debería desempeñar un rol preponderante na mobilidade urbana. A súa marxinación no tráfico da gran maioría de cidades do mundo evidencia o crucial da mediación institucional na esfera tecnolóxica. Sobre o potencial tecnolóxico dunha sociedade institucións políticas, socioeconómicas e culturais exercen un poder de promoción de determinadas tecnoloxías en detrimento doutras e son capaces, tamén, de seleccionar e organizar determinadas prácticas ou usos dunha tecnoloxía concreta i excluír outras.

A historia das transformacións sociais que foron perpetradas sobre bicicletas durante os últimos séculos -os cambios que desencadearon a súa popularización e uso militante entre a clase traballadora dalgúns países a finais do XIX, a loita da primeira ola feminista pola liberdade de movemento das mulleres ou o activismo contracultural da segunda posguerra mundial e o ecoloxismo- é unha historia de conflitos, alianzas e coevolución de institucións diversas (mercantís, xurídicas, relixiosas, movimentistas, etc). Na actualidade unha nova institucionalidade á contra estase configurando: o ciclismo reaviva a súa dimensión crítica desde as empresas cooperativas (como a bicimensaxería maña La Veloz ou a berlinesa Fahrwerk, presente no Cyclocamp) ata as «gangs alegais» (Bicycle Liberation Front, Ciclobollos de Lavapiex), pasando entre outras polas de Zonas Temporalmente Autónomas do movemento Masa Crítica.

Debido ao seu carácter as máis das veces híbrido e mesmo á súa función de articulación entre estas e outras realidades, á facilidade coa que conectan cun público bastísimo e ao seu enfoque de resistencia holística a través da intervención no terreo da mobilidade, os talleres de bicicletas autoxestionados (coñecidos tamén como ciclotalleres de autorreparación, críticos, populares ou DIY, ciclocociñas, etc) están a tomar unha relevancia ascendente. Trátase de institucións multifacéticas, i entre os factores máis comúns a todas elas encóntranse o traballo con bicis e pezas recicladas, diferentes modelos de economía alternativa e xestión horizontal, o requirimento de participación no proceso de autorreparación por parte das persoas usuarias e a promoción do ciclismo como medio de transporte.

Un estadío de expansión sinérxica.
Se ben en Europa existen proxectos en funcionamento desde décadas (WUK Fahrrad Selbsthilfe Werkstatt , desde 1983 en Viena; Hackney Bike Workshop, desde 1992 en Londres; uN p’Tit véLo dAnS La Tête, desde 1994 en Grenoble), os ciclotalleres autoxestionados pasan por un momento de sensible expansión nos últimos anos. Isto axuda a que cada vez sexan máis visibles e que novas iniciativas comecen gracias ao referente das xa existentes. Aparte, aínda que todos os talleres manteñen a súa autonomía existen experiencias de coordinación reticular máis intencionais que parecen un factor importante neste crecemento.

Non obstante a xeografía dos ciclotalleres europeos estea lonxe de reducirse a grandes centros urbanos, a escala metropolitana Madrid, Milán e Roma sobresaen pola existencia de varios proxectos na mesma cidade –sete en Madrid, nove en Milán e oito en Roma– e unha cooperación entre os mesmos que lles facilita seguir estendéndose. Isto tense feito moi visible nos últimos anos coa súa aportación á celebración de eventos transnacionais da Masa Crítica en Madrid e Roma. O caso madrileño é estudado minuciosamente pola activista e antropóloga Elísabeth Lorenzi, para quen proba desta «corrente continua de expansión e sentimiento de identidade común» son «o fluxo de persoas que participan dos diferentes talleres e se sinten parte de varios, de feito cada taller abre un día diferente da semana, [e] o plantexamento de financiación común á hora de pensar en conseguir recursos».

A unha escala maior, destacan dúas redes francesas. Vélorution é a máis lonxeva, en realidade trátase dun termo de orixes sesentaoitescas empregado para designar o uso anticapitalista da bicicleta e que na actualidade nomea tanto aos ateliers como ás Masas Críticas. L’Heureux Cyclage é unha rede incipiente e cun propósito máis concreto, federar aos talleres de fala francesa para poñer en común as súas bagaxes e traballar conxuntamente no seu reforzo i expansión. En poucos anos ten conseguido conectar a máis de corenta talleres de Francia, Bélxica e Suiza.

O propio festival Cyclocamp proclámase como unha iniciativa pola interconexión dos talleres que, se ben non é a primeira que se dá, é actualmente a máis efectiva a nível europeo. Tendo en conta factores como a existencia de problemáticas comúns e a mobilidade internacional dentro da Unión, a coordinación a esta escala parece clave para que os talleres sigan aumentando a súa potencia.

Xénero, raza e clase nos ciclotalleres.
Co seu carácter multifacético os talleres de autorreparación trascenden na práctica as perspectivas sectorialistas das reivindicacións en favor da bici e o discurso da «escala humana» da mobilidade nas cidades, vencellándoas a aspiracións máis amplas e transversais de transformación social e xustiza medioambiental e conectando a dimensión local, veciñal, da mobilidade coas implicacións a escala global dos sistemas de transporte dominantes.

Así, a intervención nas políticas de acceso ao transporte, e de mobilidade en xeral, implica para os talleres abordar as máis das veces algúns factores que as atravesan tales como as relacións de xénero, raciais e de clase. Básicamente: as clases subalternas, as persoas precarias, pobres e migrantes, teñen unhas opcións de transporte extremadamente limitadas, comparables e interseccionadas ás de acceso á vivenda ou outros bens e dereitos básicos, e ás mulleres e persoas fóra da normatividade de xénero e sexual engádeselle unha cultura da mobilidade profundamente heteropatriarcal, que traza normas severas na publicidade e o consumo, nos hábitos i estilos de condución, na circulación de saberes (semi)populares sobre mecánica, etc.

A experiencia coruñesa, co taller case sempre abarrotado con acentos de países empobrecidos, non é ningunha excepción. Os fenómenos migratorios en Europa cruzan case todos estes espazos, moitas veces igualmente emprazados en barrios cheos de persoas migrantes precarias i en centros sociais autoxestionados onde se lles ofrece apoio e se autoorganizan. A bici adoitan percibila máis ca outra cousa como unha alternativa de transporte flexible i económica; para nada somos o único taller que a prové practicamente gratis, como tampouco son unha rareza local os modelos filantrópico-caritativos en que outras institucións habitúan a moitas destas persoas, e que difucultan tantas veces comezar a operar nunha solidariedade erixida sobre os principios éticos DIY -participación, empoderamento, creatividade.

Asimesmo, tamén na maioría dos proxectos se acusa unha baixa participación de mulleres e a reprodución de condutas normativas. Non é raro que mecánicos varóns busquemos menor grao de participación e adquisición de destrezas por parte das mulleres usuarias dos talleres, e custa atopar talleres onde se faga un esforzo serio por cuestionar a construción do xénero en torno á mobilidade e a tecnoloxía. Con todo, vaise estendendo a celebración de sesións só de mulleres, lesbianas e transexuais ou, como no reCiclos, cursos de autoformación en mecánica, que aínda sen ser segregados significan un proceso máis equitativo ca o traballo común de autoreparación.

Algúns talleres mesmo distínguense por ter posto as migracións e o xénero no centro das súas preocupacións, tomándoas como principal eixo de traballo. A pesar da súa fugacidade, un dos proxectos máis singulares e potentes a este respecto foi o atelier vélorutionnaire do ironicamente coñecido como Ministère de la Régularisation de Tous les Sans Papiers, un edificio tomado por máis dun millar de sen papeis parisinos, desde onde denunciaban que «os sistemas económicos, sociais e políticos que contribúen ao cambio climático e á polución das nosas cidades son a orixe de moitas migracións do Sur ao Norte. […] Algúns queren manter unha orde establecida polas xeracións pasadas sobre a pillaxe e o despilfarro, nós animamos a construir un mundo de solidariedade e moderación».

Outro referente destacable é o proxecto Bike Aid, promovido por activistas do colectivo queer Schwarzer Kanal e centrado en promover a bicicleta entre os refuxiados do ghetto de Henningsdorf, nas aforas de Berlín, e incrementar así a súa accesibilidade ao centro da cidade en desafío das fronteiras intrametropolitanas levantadas por un urbanismo de zonificación estratificada. Reescribir a cidade. Porque, como di Marc Augé, moverse en bici é unha escritura, poesía (capaz de xuntar o separado), «con frecuencia unha escrita libre e ata salvaxe, unha experiencia de escrita automática, de surrealismo en acto ou, pola contra, unha meditación máis construída, máis elaborada e sistemática, case experimental, a través dos lugares previamente seleccionados».

A mesma Schwarzer Kanal Bike Workshop, pese a non dispoñer de máis espazo onde gardar ferramentas e repostos que un antigo carromato aparcado no barrio de Kreuzberg (porque a pesar de que se adoita contar con espazos propios, grandes i estables, hai bos exemplos de talleres practicados en espazos reducidos ou efémeros), alberga tamén o proxecto Les Lanternes Rouges, un taller trans-lesbo-feminista-queer -similar ao Cicliátrico, recentemente creado no CSOA Casablanca de Madrid. Nestes proxectos «non-mixtos» procúrase o empoderamento a través dunhas relacións máis horizontais, «sen necesidade algunha de demostrar destrezas» (algo que marca bastante o fluxo de coñecementos nos talleres convencionais), e a visibilización da diversidade de xénero e sexual. Trátase máis dun tecnofeminismo ca dun ecofeminismo; explóranse máis as relacións entre xénero e tecnoloxía ca entre xénero e medioambiente.

Produción cultural. O ciclismo mutante e a incidencia dos talleres na cultura técnica do ciclismo.
No ciclismo como movemento social existe unha desas hibridacións especialmente fortes entre o dominio do expresivo e do activista. Na distinción tradicional (que tomo de Stuart Hall), o polo expresivo agrupa o persoal, o psíquico, a subxectividade, o estético, a cultura mentres o polo activista acentúa o político, a finalidade pública. O expresivo remite á construción dun estilo e unha escena, o activista á dunha estratexia e un movemento.

O simple pedalear é un acto onde non é fácil detectar as interfaces entre o persoal, o político, o estético, etc. A apelación á cultura da bicicleta é un lugar común entre cicloactivistas, mais o seu significado non é homoxéneo. Nun extremo está a promoción da bicicleta dentro da cultura ou formas de vida xa existentes, lexítimas i hexemónicas, e a medida que nos imos afastando del aparece un ciclismo como crítica desa forma de vida orientada á circularidade traballo-consumo e á preservación dun status e unhas relacións de poder indesexables. Neste segundo sentido, que fía co xa mencionado sobre factores de xénero, migratorios e de clase na mobilidade, o activismo ciclista reviste un carácter biopolítico, coloca o problema da «reprodución» social dentro da estrutura material fundamental da sociedade, definida non só en termos económicos senón tamén entrelazadamente culturais, de produción de subxectividade.

Contracultura.
Proxeccións, rutas ciclistas, ligas de ciclopolo, alleycats, zines, a Santa Graziella, festivais, etc. Polo xeral os talleres son bastante conscientes da importancia do cultural na súa estratexia de cambio social e, alén da autorreparación, promoven a súa «popularización» afirmando valores máis continuos ou máis extrapolados da cultura maioritaria. A conexión dos talleres con activismos imaxinativos como a Masa Crítica ou o Cyclown Circus é íntima, e ao seu abeiro tamén está a medrar unha contracultura en ocasións denominada metaforicamente como ciclismo mutante.

O ciclismo mutante combina a reconfiguración dos deseños de bicicleta máis convencionais coa alteración da sintaxe da mobilidade. As tall-bikes, un dos seus obxectos predilectos, son un bo exemplo. Creadas polo xeral soldando en vertical dous cadros de diamante reciclados, as bicis sobreelevadas representan un fantasioso desafío simbólico. Expresan tanto desexo de erosionar as xerarquías do tráfico como (a tese situacionista) de «pasar da circulación entendida como traballo engadido á circulación entendida como pracer».

As cargo-bikes (bicis de carga), bici-remolques e portaequipaxes DIY teñen un perfil máis «utilitario», aínda que non deixan de ser creacións tecnocomunicativas anómalas tanto pola estética DIY -que as diferencia dos seus pares industriais- como porque as bicis de carga son un elemento ausente na paisaxe circulatoria de moitas cidades.

Alén do loxístico, o papel dos ciclotalleres neste eido das contraculturas é bastante interesante xa que ás veces transfiren prácticas que teñen instituído, como a solidariedade colaborativa ou a reciclaxe, que volven as prácticas significantes destas culturas máis difíciles de mercantilizar e neutralizar. O LastenRad Kollektiv (colectivo cargobiker) de Viena é un bo exemplo. Vencellado á bikekitchen local, onde se fabrica a maioría da súa flota, basease no compartir tanto os coñecementos e os recursos para a fabricación DIY de bicis de carga como o seu uso (en base a retribucións voluntarias por emprego do taller e préstamo de bicicletas).

Os ciclotalleres e a industria.
É complicado mensurar a incidencia destes talleres na industria da bicicleta. En principio, alén dos proxectos que funcionan como cooperativas de autoemprego (regulación autónoma das relacións salariais), a dificultade para estender estas dinámicas de apropiación tecnolóxica a pequena escala cara un manexo democrático da produción é obvia. Sen embargo, hai que recoñecelos como instancias de creación e difusión de saberes expertos tendentes a configurar bicicletas que fagan máis doada a ciclabilidade das cidades, o que se concreta en modificacións de hábitos de consumo que pasan por criterios de ergonomía, compoñentes e indumentaria, pola reciclaxe ou por marxinar a obsolescencia programada (como no caso extremo das bicis máis «económicas» vendidas nos hipermercados, apenas útiles para circular malamente durante unhas poucas semanas).

Tamén as innovacións das subculturas e contraculturas relacionadas cos talleres teñen o seu impacto na industria. Toda unha mistura de conquista, desactivación e integración.

Concluíndo. A bici como dispositivo ecosófico de mobilidade.
A finais dos 80 Félix Guattari fai unha contribución conceptual ao incipiente movemento ecoloxista que me parece ver encarnada nos ciclotalleres. Lonxe dun ambientalismo meramente conservacionista e apolítico, Guattari ve na ecoloxía a posibilidade de reinventar as políticas transformadoras e as prácticas humanas en xeral. Para isto parte da noción transversalizadora de ecosofía, «unha articulación ético-política entre os tres rexistros ecolóxicos [que el distinguía], o do medio ambiente, o das relacións sociais e o da subxectividade humana».

Cunha forte proxección existencial e desentendéndose dunha concepción mastodóntica do institucional (do qué é unha institución), os talleres retoman procesos de imaxinación e creación política normalmente confiscados nos aparatos do Estado, os partidos políticos, grandes sindicatos, lobbies corporativos, etc. A través do desenrolo dunhas prácticas específicas tratan de aumentar a capacidade colectiva para facerse cargo da vida cotián e dos desexos, algo indisociable de calquera perspectiva transformadora ante o altísimo despotismo dun mando tecnocrático que produce «unha sistemática sobrevaloración de industrias que comprometen o futuro mesmo da especie humana [pénsese na industria do automóbil e as súas asociadas como a petroleira, a militar ou, futuriblemente, a nuclear], unha subestimación de valores de uso esenciais (a fame no mundo, a protección do medioambiente) [e o] laminado e a represión dos desexos na súa singularidade, é dicir, a perda de sentido da vida».

Os ciclotalleres dimensionan política e culturalmente o problema medioambiental. Crean novos modos de practicar unhas cidades globais nas que, a raíz de factores como o cénit do petróleo, o cambio climático ou o incremento das poboacións e a pobreza, se augura un horizonte de cambios aínda difíciles de figurar na sociotecnoloxía da mobilidade. Porque nesta indeterminación do porvir seguramente non dispoñamos de modos moito mellores de reinventarnos que pedaleando.