«É o lobo mesmo, ou o cabalo, ou o neno os que deixan de ser suxeitos para devir acontecementos, en disposicións que só se separan por unha hora, unha estación, unha atmosfera, un aire, unha vida. A rúa componse co cabalo, como a rata que agoniza se compón co aire, e o animal e a lúa chea se compoñen entre ambos… O clima, o vento, a estación, a hora non son dunha natureza distinta das cousas, dos animais ou das persoas que os poboan, os seguen, nos que dormen ou se espertan. Hai que ler dun tirón: o-animal-caza-ás-cinco. Devir-tarde, devir-noite dun animal, bodas de sangue. As cinco é ese animal! Ese animal é ese lugar! “O can fraco corre pola rúa, ese can fraco é a rúa”, grita Virginia Woolf. Hai que sentir así. As relacións, as determinacións espazo-temporais non son predicados da cousa, senón dimensións de multiplicidades.»

A través da súa crítica á psicanálise, Deleuze e Guattari teñen a pretensión de establecer un novo concepto de desexo, de inventar un concepto que sexa como un personaxe de literatura, un xigante da vida.

Como novo personaxe que é, entra en liza coa idea preexistente, a que sostén a nosa cultura e a nosa linguaxe, segundo a cal o desexo é un movemento cara algo que non temos: o desexo maniféstase ante unha falta, unha carencia, e a satisfacción do desexo reside na posesión de aquelo que nos falta. Polo tanto pensamos que o satisfactorio é non desexar, que é máis feliz quen non desexa porque iso significa que non lle falta nada.

Unha concepción do desexo como carencia de algo sempre vencella o desexo ao obxecto: desexo isto ou isto outro, desexo a tal persoa, desexo estudar esa carreira… E como concibimos ao mesmo tempo que existen obxectos malos e obxectos bos, xulgaremos que un desexo é bo ou malo segundo a natureza boa ou mala do seu obxecto. Así pois, o obxecto é trascendente ao desexo, é o que permite desde fóra do propio desexo xulgar a súa maldade ou bondade.

O concepto de desexo de Deleuze non se define pola carencia, nin polo xuízo trascendente.

Para comezar, Deleuze di que o inconsciente é unha fábrica e o desexo produción. Esta idea podería expresarse dicindo que non é certo que se desexe un obxecto, senón que sempre que se desexa deséxase un conxunto. Falamos de maneira abstracta cando dicimos que desexamos este ou aquel obxecto, porque o noso desexo sempre é concreto, sempre é o desexo dun conxunto espacial, xeográfico, temporal, territorial, concreto. Referíndose ás novelas de Marcel Proust, Deleuze afirma que, por exemplo, non se desexa a unha muller senón a unha muller e todas as paisaxes, todos os encontros, todos os libros, todas as cidades que se dan nela, que están enrolados nela: amala é desexar desenrolar o enrolado.

Tamén podemos aplicar este concepto de desexo a un desexo máis fugaz. Vas pola rúa, ves unha saia, un raio de luz, unha rúa particular. A saia, o raio de luz, forman un conxunto e ti desexas ese conxunto, desexas ese mundo no que se cruzan un corpo, unha paisaxe particular, unha hora determinada, o movemento ondulante dunha saia.

Producimos, fabricamos un conxunto, cando desexamos. Deleuze resúmeo así: «c’est toujours avec des mondes que l’on fait l’amour», isto é, «con mundos é co que sempre facemos o amor». A mercadotecnia sábeo e, a través das imaxes, presenta os seus produtos dentro dunha combinación de cousas -o momento, o lugar, a compaña, a luz, a música- que fan do conxunto algo desexable. Mais engana cando pretende vendernos o obxecto abstracto, illado.

Se o desexo é produción, hai que concluír que non é algo espontáneo. Se partimos de considerar que é o obxecto o que desexamos, efectivamente o desexo parece o movemento espontáneo que nace dun obxecto desexable. Pero se entendemos con Deleuze que o desexo é sempre desexo dun conxunto, entón é o propio suxeito do desexo o que dispón os elementos, colócaos un ao lado do outro, concaténaos (isto é xustamente o que fai a publicidade, constrúe o desexo, propono xa feito aos espectadores, i estes, cando o adoptan, desexan esa construción: sen embargo, acaban igualmente crendo que posuirán a construción enteira coa mera compra do produto).

O desexo é unha disposición, é o acto de dispoñer, de colocar, de construír unha disposición concatenada de elementos que forman un conxunto. Esta é a fórmula de Deleuze: o desexo discorre dentro dunha disposición ou concatenación. Se un desexa mercar aquel coche, non é só o coche o que desexa, senón tamén os lugares aos que se desprazará, e as persoas coas que viaxará, e a música ou as conversas que o han acompañar: o coche está asociado a un mundo, é ese mundo o que se desexa, ese mundo disposto nos seus elementos polo suxeito de desexo, que os conecta rizomaticamente porque ese xustamente é o seu delirio. Por iso é tan importante distinguir nos delirios ou desexos de cada cal se é el o que delira ou ben os outros están delirando por el.

Cando se fala dos desexos é igualmente un lugar común afirmar que sempre é difícil conseguir o que se desexa. Sen embargo, Deleuze dálle a volta a esta afirmación: o difícil non é conseguir o que se desexa, senón que o difícil é desexar.

Parece fácil desexar, basta dicir «quero isto e o outro». Mais, que cerca se está da impostura cando se anuncia o que se quere! Non só cando deliramos os delirios das imaxes producidas pola publicidade, senón tamén cando asumimos unha identidade e, con ela, os desexos propios desa identidade. A impostura aprisiona a vida, porque fai asumir desexos que non nacen da propia potencia de ampliar o territorio: como o cabalo de carreiras que se sinte ante todo cabalo e acaba crendo que a vida dun cabalo de tiro é unha vida desexable; este cabalo de carreiras, que non sabe que o é, porque só sabe que é cabalo, debería deixar de considerarse cabalo e comezar a experimentar coa súa potencia; e o que lle convén á súa potencia, recordémolo, é o que, ao mesmo tempo, fai que creza o seu territorio e prodúcelle alegría.

O verdadeiramente difícil é desexar, porque desexar implica a construción mesma do desexo: formular qué disposición se desexa, qué mundo se desexa, para que sexa o mundo que te convén, o mundo que aumenta a túa potencia, o mundo no cal o teu desexo discorra. O desexo convértese desta maneira no obxectivo do desexar, é un resultado, é en si mesmo virtuoso. E así ten conseguido Deleuze anular de todo a necesidade dun xuízo exterior á vida e ao desexo: o que está ben é o desexo, o desexo leva en si o seu propio xuízo, o seu xuízo inmanente.

Tan difícil é desexar que incluso resulta fácil conseguir o que se quere. Desde esta concepción o desexo é como unha plenitude, como unha alegría, como unha potencia de crecemento, se algo falta, sen dúbida que se conquista.

Fragmento de Larrauri, Maite, El deseo según Deleuze, Tándem, Valencia, 2000.

Créditos de imaxe: Adbusters.