A urbanización do mundo caracterízase polo crecemento dos «megapolos» e, ao mesmo tempo, polos «filamentos urbanos», para retomar unha expresión de Hervé Le Bras, que se estenden cada vez máis ao longo das estradas, os ríos e as costas. Esta urbanización traduce o feito de que hoxe a vida política i económica do planeta depende dos centros de decisión situados nas grandes metrópoles mundiais, todas interconectadas entre si e que, xuntas, constitúen unha especie de «metacidade virtual», como di Paul Virilio. O mundo tense transformado nun mundo/cidade en cuxo interior circulan e intercámbianse todas as categorías de produtos, comprendidas as mensaxes, as imaxes, os artistas e as modas. Mais tamén é verdade que cada gran cidade é un mundo, un resumo do mundo, coa súa diversidade étnica, cultural, social i económica. Aínda que a veces, ante o espectáculo fascinante da globalización, tal vez tendamos a esquecer a súa presencia, as divisións están e atopámolas nas esgazaduras do tecido urbano. A cidade/mundo, pola súa soa existencia, desminte as ilusións do mundo/cidade. Nos barrios de negocios, os edificios coñecidos en todo o mundo por ser creacións dos máis destacados arquitectos caracterízanse por estar en comunicación co resto do planeta pero, alí onde están emprazados, teñen prohibido o acceso as persoas que non traballan neles. No encontro entre o mundo/cidade e a cidade/mundo, un pode ter a sensación de que a cidade como tal ten desaparecido. Certamente, o urbano esténdese por todas partes, mais os cambios na organización do traballo e as tecnoloxías que, a través da televisión e da internet, impoñen a cada individuo a imaxe dun centro desmultiplicado e omnipresente, privan de toda pertinencia as oposicións do tipo cidade/campo e urbano/non urbano.

A oposición entre mundo/cidade e cidade/mundo é, por así dicilo, a tradución espacial visible da globalización concibida como o conxunto planetario dos medios de circulación e das redes de comunicación e distribución. Paul Virilio facía notar en A bomba informática que os estrategas do Pentágono estadounidense consideraban este conxunto global como o interior dun mundo no que o local remataba por ser o exterior. Pero esa inversión aínda é máis xeral e a gran cidade defínese no noso tempo pola súa capacidade para volcarse cara o exterior. Por un lado, primeiro quere seducir a turistas estranxeiros. Polo outro, o urbanismo está gobernado pola necesidade de facilitar o acceso aos aeroportos, ás estacións terminais e aos grandes eixos viarios. A facilidade de acceso e de saída é o imperativo número un, como se o equilibrio da cidade repousara nos seus contrapesos exteriores. A cidade descéntrase como se descentran as vivendas e os fogares coa televisión e o ordenador e como se descentrarán os individuos cando os móbiles sexan ademais ordenadores e televisores. O urbano esténdese por todas partes, pero temos perdido a cidade e ao mesmo tempo perdémonos de vista a nós mesmos. Ante este panorama, é posible que á bicicleta lle corresponda un papel determinante: axudar aos seres humanos a recobrar a conciencia de si mesmos e dos lugares que habitan invertindo, no que corresponde a cada un, o movemento que proxecta ás cidades fóra de si mesmas. Precisamos a bicicleta para ensimesmarnos en nós mesmos e voltar a centrarnos nos lugares en que vivimos.

Así, o que está en xogo cando falamos de acudir ao recurso da bicicleta non é algo menor. Trátase de saber se, fronte ao auxe dun urbanismo galopante que ameaza con reducir a cidade antiga a unha cuncha baleira, con transformala nun decorado para os turistas ou nun museo ao aire libre, é posible restituírlle algo da súa dimensión simbólica e da súa vocación inicial de favorecer os encontros máis imprevistos. Trátase, sinxelamente, de devolver as súas cartas de nobreza ao azar, de comezar a romper as barreiras físicas, sociais ou mentais que anquilosan a cidade e de devolver o sentido á bela palabra «mobilidade».

A quen se arrisca a empregar a bicicleta por primeira vez na cidade ofréceselle unha experiencia inédita que lle permite reconsiderar as distancias e facer achegamentos que lle están vedados no transporte público, suxeito a itinerarios fixos. En bicicleta hai máis cambios e correspondencia. Un deslízase subrepticiamente por outra xeografía, eminente e literalmente poética, posto que ofrece a posibilidade do contacto inmediato entre lugares que habitualmente un só frecuenta por separado e, ademais, porque así se presenta como unha fonte de metáforas espaciais, de achegamentos inesperados e de atallos que non deixan de suscitar, a forza de xemelgos, a curiosidade reavivada dos novos paseantes. Esa é a nova liberdade, a nova liberdade de inspiración, que ofrece o uso da bicicleta. A bici é unha escritura, con frecuencia unha escritura libre e ata salvaxe, unha experiencia de escritura automática, de surrealismo en acto ou, pola contra, unha meditación máis construída, máis elaborada e sistemática, case experimental, a través dos lugares previamente seleccionados polo gusto refinado dos eruditos.

O reto estriba na dificultade de conciliar as esixencias do megapolo planetario (o descentramento e a extraversión dun complexo aberto ao mundo) e as da cidade concibida como lugar onde se vive, medio íntimo composto das súas propias referencias e os seus ritmos cotiáns.

Se ben o noso mundo de imaxes, de comunicación e de consumo tende a afogar cada vez máis o pensamento do futuro i esmagalo baixo as evidencias do presente, hoxe tal vez estean xa dadas, a pesar de todo, as condicións para concibir unha utopía urbana eficaz, é dicir, capaz de convencer aos habitantes da cidade. O paradoxo desta utopía é que coñecemos ben o lugar, aínda cando nos custe definir os seus límites e as súas fronteiras (ónde comeza e ónde remata a cidade dos nosos días?). A nova e sorprendente posibilidade que se deixa entrever timidamente e que nos ofrece, así, unha rara oportunidade de imaxinar o futuro sen temor nin desgusto é que a práctica de montar en bicicleta permítenos volver a trazar eses límites i esas fronteiras, permite inventar itinerarios inéditos e reconfigurar a cidade real, a dos usos, os intercambios e os encontros co cotián. Esta oportunidade non é de ningún modo subalterna nin irrisoria e xustifica plenamente que, para celebrar o seu advento, se proxecte a súa realización nun futuro próximo coa esperanza de que, por unha vez, a imaxinación do que virá poida cautivar a historia presente, mobilizar á sociedade, desprazar as liñas de vida e subverter os temores e rancores dos menos imaxinativos.

Fragmento de Augé, Marc, Elogio de la bicicleta, Gedisa, Barcelona, 2009.

Advertisements