Carlos pedalea nunha bici-licuadora para facer zume de mango e laranxa. Aquí, no taller de Maya Pedal, na comunidade de San Andrés de Itzapa, ao sur de Guatemala, están construíndo bici-máquinas cunha ampla variedade de funcións: debullar millo, lavar roupa, bombear auga ou xerar electricidade entre outras. Moi cerca, en México, a poboación rural sofre problemas económicos, mais rexeita as supostas solucións gobernamentais: mega-proxectos de embalses, de produción e xestión centralizada de enerxía, que desbaratan as comunidades e as converten en dependentes dos mercados internacionais, as grandes corporacións e as políticas estatais. No estado sureño de Chiapas, por exemplo, 400.000 persoas -do millón de habitantes deste estado- deixan sen pagar as facturas eléctricas, en moitos casos fan parte dunha campaña organizada contra as maquinacións do goberno, mentres noutras simplemente non hai posibles para atender as facturas. Unha das iniciativas ao respecto foi a creación dunha rede de electricistas independentes, que imparten obradoiros sobre cómo reconectar a electricidade ás comunidades. Outra iniciativa pode atoparse no grupo «La Casita» (C.A.C.I.T.A. -Centro Autónomo para a Creación Intercultural de Tecnoloxías Apropiadas), na cidade de Oaxaca, que en oposición aos grandes proxectos pretende aumentar a autonomía das comunidades indíxenas e os pequenos agricultores.

Unha das súas solucións é o emprego das bici-máquinas para facer traballar ferramentas como as debulladoras de millo, habitualmente accionadas a man: sinalan que as nosas pernas son cinco veces máis fortes ca os nosos brazos. O alixeiramento e a simplificación das rutinas diarias, nunhas comunidades caracterizadas xeralmente por estruturas tradicionais, están a mellorar especialmente a situación das mulleres. O importante aforro de tempo que posibilitan as bici-máquinas facilita que se organicen politicamente, e que loiten polo concepto do «buen vivir» no seu decotío.

O emprego das bici-máquinas estase a estender rapidamente. Xunto ao C.A.C.I.T.A en Oaxaca e Maya Pedal en Guatemala, recentemente apareceron máis colectivos en Chiapas e Tapachula, ademais de tres novos proxectos en Cidade de México, que están experimentando coa aplicación das bici-máquinas nunha entorna urbana. Todos estes proxectos baséanse en coñecementos técnicos compartidos, e a creación dunha bici-máquina adoita aproveitarse para ensinar a outras persoas a facelas.

Publicado orixinalmente en Carbusters en novembro de 2012.