Hoxe o Ciclotaller reCiclos vove levantar a reixa do Propolis para comezar un novo curso de reciclaxe e auto-reparación, no que os horarios se manteñen sen cambios con respecto aos catro anteriores: cada luns de 18:00 a 21:00 horas.

Pola contra, si hai cambios importantes no seu modo de funcionamento. Aplicarase un sistema de quendas (hai que pillar número para empregar o taller) e desaparecen a oferta de bicicletas completas ou a súa montaxe a partir de materiais soltos, limitándose os servizos do taller a axustes e reparacións.

Mantense o stock de compoñentes reciclados e seguirán recolléndose tamén as doazóns de bicicletas completas á espera de elaborar novos procesos de reciclaxe para elas.

Agardamos as vosas avarías e colaboracións.

A urbanización do mundo caracterízase polo crecemento dos «megapolos» e, ao mesmo tempo, polos «filamentos urbanos», para retomar unha expresión de Hervé Le Bras, que se estenden cada vez máis ao longo das estradas, os ríos e as costas. Esta urbanización traduce o feito de que hoxe a vida política i económica do planeta depende dos centros de decisión situados nas grandes metrópoles mundiais, todas interconectadas entre si e que, xuntas, constitúen unha especie de «metacidade virtual», como di Paul Virilio. O mundo tense transformado nun mundo/cidade en cuxo interior circulan e intercámbianse todas as categorías de produtos, comprendidas as mensaxes, as imaxes, os artistas e as modas. Mais tamén é verdade que cada gran cidade é un mundo, un resumo do mundo, coa súa diversidade étnica, cultural, social i económica. Aínda que a veces, ante o espectáculo fascinante da globalización, tal vez tendamos a esquecer a súa presencia, as divisións están e atopámolas nas esgazaduras do tecido urbano. A cidade/mundo, pola súa soa existencia, desminte as ilusións do mundo/cidade. Ler o resto desta entrada »

«É o lobo mesmo, ou o cabalo, ou o neno os que deixan de ser suxeitos para devir acontecementos, en disposicións que só se separan por unha hora, unha estación, unha atmosfera, un aire, unha vida. A rúa componse co cabalo, como a rata que agoniza se compón co aire, e o animal e a lúa chea se compoñen entre ambos… O clima, o vento, a estación, a hora non son dunha natureza distinta das cousas, dos animais ou das persoas que os poboan, os seguen, nos que dormen ou se espertan. Hai que ler dun tirón: o-animal-caza-ás-cinco. Devir-tarde, devir-noite dun animal, bodas de sangue. As cinco é ese animal! Ese animal é ese lugar! “O can fraco corre pola rúa, ese can fraco é a rúa”, grita Virginia Woolf. Hai que sentir así. As relacións, as determinacións espazo-temporais non son predicados da cousa, senón dimensións de multiplicidades.»

A través da súa crítica á psicanálise, Deleuze e Guattari teñen a pretensión de establecer un novo concepto de desexo, de inventar un concepto que sexa como un personaxe de literatura, un xigante da vida.

Como novo personaxe que é, entra en liza coa idea preexistente, a que sostén a nosa cultura e a nosa linguaxe, segundo a cal o desexo é un movemento cara algo que non temos: o desexo maniféstase ante unha falta, unha carencia, e a satisfacción do desexo reside na posesión de aquelo que nos falta. Ler o resto desta entrada »

O vindeiro martes 14 de agosto ás 18:00h celebramos no Fórum Propolis (r/Barcelona 115) unha asemblea do Ciclotaller reCiclos para preparar o novo curso, esta é aberta a calquera persoa interesada en colaborar dalgún modo co taller i entre os temas xa propostos están a reapertura logo das vacacións, a disponibilidade de mecánicxs e demais voluntarixs e un novo procedimento para o emprego do taller.

Este venres, como cada derradeiro do mes, toca Masa Crítica en Vigo. A pedalada sae ás 20:00h da Praza América e para o día seguinte, sábado 28, maseir@s locais organizan coa colaboración de reCiclos un cursiño básico de ergonomía, mantemento e pequenas reparacións da bicicleta. Terá lugar ás 11:00h no local Amalgama (Marqués de Valterra 5, Baixo), onde están a crear un ciclotaller autoxestionado. Non é necesaria a inscripción.

Preme aquí para descargar o flyer da convocatoria.

Francisco Orellano érguese antes do amencer. As súas mañás, a veces durante semanas e semanas, son case sempre iguais. Carga coa bici desde o seu piso ata a rúa e pedalea cara a alborada. Pasa entre outros ciclistas que montan en postura erguida e silencio, sen mover practicamente nada máis que as súas pernas, que non xiran en cadencias alegres senón en lentos círculos. Avanzan rodando, con determinación, cara algún destino descoñecido.

Francisco ten un aire elegante sobre a súa bici. Os seus cabelos e o seu bigote, grises, están acicalados, a súa camisa a raias pranchada. Está orgulloso do seu aspecto.

Percorre as anchas avenidas que conducen aos embarcadoiros de Long Beach, California. Pasa por diante de supermercados pechados e concesionarios de coches a escuras. A veces pedalea a través do resplandor dunha gasolineira 24 horas. Por momentos pensa en El Salvador, onde ía a pé ao traballo. Mais polo xeral, mentres pedalea, pensa en se hoxe traballará. Ler o resto desta entrada »

A extensión social do uso do coche é o prato forte da promesa utópica do capitalismo de posguerra. A chamada sociedade de consumo parecía acabar coa maldición que lanzaron os ludditas: «Detrás das máquinas atópanse as relacións de produción». Expansión suburbana, vivendas unifamiliares, vacacións pagadas e, sobre todo, unha subcultura xuvenil do anos ’50 que foi a primeira en formular a visión tópica do coche como reduto da liberdade individual eran os pratos fortes desta promesa. Só uns poucos elitistas culturais como Adorno problematizaban esta visión convencional do pacto de ocio e mobilidade fronte á produción, observando con desgusto burgués que o coche era un paso máis nunha estruturación do tempo de non traballo que, en última instancia, faría que este fose indistinguible do tempo de traballo: «O triunfo do velocímetro calma dunha maneira ritual a angustia do perseguido», escribiría en Minima Moralia.

A contracultura abriu o fogo cultural contra o coche. Incluso antes da crise do petróleo, os hippies preferiron a moto -o individualismo xenuíno- e, sobre todo, as furgonetas -a metáfora comunitaria-, vehículo este que chegou ao paroxismo co demencial autobús máxico de Ken Kesey que transportaba a unha horda de peludos nunha especie de comuna móbil desde a que regalaban LSD aos transeúntes. Ler o resto desta entrada »

O ciclotaller reCiclos toma vacacións durante este verán. Aínda que faremos algunhas actividades con outros colectivos, as sesións de autoreparación dos luns non voltarán ata agosto ou setembro. Se queredes contactar connosco podedes escribirnos a porpropolis[arroba]gmail[punto]com.

O percorrido da Masa Crítica deste mes rematará no Fórum Propolis (r/Barcelona 115; o mesmo espazo onde se aloxa o taller reCiclos), na cea/baile que celebra a Asociación de Sen Papeis da Coruña.

Haberá comida e bebida típica de Senegal: couscous con polo, couscous vexetal, charci, bisap e café. O menú custará 5 euros, aínda que tamén se poderán adquirir os productos por separado.

Tamén se farán «jujas», trenzas de fío no pelo e moveremos a cadeira con ritmos africanos.

Para saber máis sobre a asociación podes botarlle un ollo á reportaxe de X. Antón Bocixa para Praza Pública:

Primeira parte: http://praza.com/video/10/asemblea-de-persoas-sen-papeis-na-coruna/

Segunda parte: http://praza.com/video/11/sen-papeis-segunda-parte/

A bicicletada sae, como cada primeiro venres de mes, ás 20:00h da Praza de María Pita.

Mbolo Moy Doole!
(a unión fai a forza)

A Criticona é un dos tres eventos transnacionais que cada ano celebra o movemento Masa Crítica en Europa. Esta edición terá lugar en Valladolid os días 11, 12 e 13 de maio , e as masas críticas galegas organizan de novo unha viaxe en bus*. Podes anotarte aquí.

*O prezo será duns 50€ por persoa (48€ de ser 25 persoas, como na edición anterior): ida e volta; aloxamento de balde. O bus sairá da Coruña na madrugada do venres 11 ao sábado 12 e voltará na madrugada do domingo 13 ao lus 14, con posibilidade de facer paradas en Santiago e Lugo.

reCiclos é un taller non comercial de reciclaxe e reparación de bicicletas. Abrimos cada luns de 18:00 a 21:00h no soto do número 115 da r/Barcelona (A Coruña). [+info]
Creative Commons License