AVISO IMPORTANTE: Agora o reCiclos ten blogue.

reCiclos é un ciclotaller autoxestionado; un taller de reciclaxe e reparación de bicicletas non comercial e xestionado de maneira independente e comunitaria. Un proxecto enmarcado no movemento Masa Crítica da Coruña co que, desde decembro do 2008, procuramos principalmente estender o uso da bici a través da democratización socio-económica do acceso á mesma e o seu mantemento.

Horario e localización.

Abrimos cada luns de 18:00 a 21:00h no soto do Fórum Propolis; no número 115 da r/Barcelona. Cada primeiro mércores de mes, en idéntico horario, celebramos unha xornada de limpeza e coidado xeral do local.

Como podo participar?

A participación é aberta e calquera persoa pode propoñer novas formas de cooperación. Agora mesmo estamos a traballar así:

_Se queres unha bicicleta pásate polo taller a ver o material do que dispoñemos; pode que atopes unha da túa talla practicamente lista para rodar, que teñas que ensamblar unha con pezas de varias bicis, recambios, etc ou que, desafortunadamente, teñas que agardar a que consigamos o material que precisas. Dispoñemos de toda a ferramenta necesaria e, na medida en que o precises, terás os nosos consellos e axuda.

_Igualmente, se só precisas facer algunha reparación na túa bici podes botar man da ferramenta do taller, dos repostos cos que contemos e da nosa colaboración.

_Se estás interesadx en implicarte máis no proxecto, melloralo, aprender e/ou compartir os teus coñecementos con outras persoas… adiante!

_O material do que dispoñemos provén da reciclaxe de bicis e pezas que atopamos no lixo e das xenerosas doazóns de moitas persoas e dos comercios locais de bicicletas. Pode que reCiclos sexa unha opción excelente para desfacerte dalgún trasto.

_Non terás por qué pagar nada por ningún servizo, peza nin bicicleta completa. Tan só existe un pequeno bote colectivo ao que cada quen aporta o que pode e quere, e o diñeiro non é a única forma de apoiar o taller.

Algunhas normas básicas.

reCiclos susténtase na solidariedade e responsabilidade de cada unha das persoas que fan uso do taller. As seguintes son unhas normas bastante importantes:

_Unha vez empregadas, as ferramentas deben deixarse recollidas. Se non sabes moi ben ónde deixalas, é algo que podes preguntar. Ídem cos repostos que desbotes ou gardes dunha semana para outra; practicamente todo está disposto cunha orde e iso axuda moito ao desfrute persoal e colectivo do taller.

_En reCiclos a escoba e o recolledor son ferramentas tan importantes coma calquera outra.

_reCiclos é un proxecto horizontal e inclusivo, as actitudes discriminatorias (machismo, racismo, menosprezo das persoas maiores, homofobia, etc.) van contra isto e reforzan valores dominantes, entre outros, no ámbito cultural da mobilidade, que este proxecto fai por transformar.

Un punto de encontro. Un lugar do posible.

Alén da reciclaxe e reparación, reCiclos é un lugar no que sempre emerxen e proliferan sociabilidades alternativas. As relacións e o tecido humano que o teñen convertido nunha referencia para todo tipo de prácticas comunitarias en torno á bicicleta e alén dela; activismos variados, saberes compartidos sobre cómo moverse en bicicleta pola Coruña, cultura DiY (faino ti mesmx), organización de rutas con alforxas, deportes/subculturas emerxentes como o bici-polo, horticultura ecolóxica, etc.

Ademais, o Fórum Propolis −onde nos aloxamos− ten unha traxectoria de dúas décadas funcionando, baixo diferentes formas, como espazo para a autoorganización social (en especial das persoas migrantes) no barrio da Agra do Orzán.

Contacto:

http://reciclos.wordpress.com/
porpropolis[arroba]gmail[punto]com

Advertisements