You are currently browsing the monthly archive for Outubro 2013.

VIIIaniversarioMCcorunhaReducido

A Masa Crítica está morta. A Masa Crítica da Coruña está morta. Fai pouco máis duns cinco anos na cidade apenas unhas poucas ducias de persoas nos desprazábamos decote en bici, case que nos coñeciamos todas, hoxe somos unha marea crecente e respétasenos bastante máis. Algunhas das xentes que sacaban a bici pouco máis que para «ir á masa» agora fano a diario, e algunhas das que tiveron nas bicicletadas a súa primeira experiencia nos movementos sociais convertéronse en activistas altamente implicadas en diferentes comunidades e loitas sociais, pódese falar dunha verdadeira eficacia existencial, dun movemento capaz de cambiar formas de vida. Os lazos de veciñanza, amizade, colegueo, amor, etc. entre participantes seguen a darse, as iniciativas que foron agromando ao redor da masa conseguiron manterse e seguen funcionando: o taller reCiclos, Mobi-Liza, a Ciclofactoría, etc. A forma de organizarse e actuar da Masa Crítica está hoxe moitísimo máis estendida que fai oito anos. Pero a masa está morta. A bicicletada, o paseo, o evento, está morto, nos últimos meses pouco máis de dez persoas en cada cita. A poética do espazo público recuperado e compartido xa non se dá, canta menos masa peor se pasa, e a tensión creativa entre mes e mes tamén desapareceu deixándoo todo como un xardín abandonado, cheo de recordos alucinantes, iso si.

Ironicamente o aniversario da masa cae este ano no día dos mortos, en que a tradición di que os finados poden volver ao mundo vivo e visitar os lugares que habitaron e as persoas que amaron, quen sabe. Apelamos en todo caso ao potencial da morte para xuntar ao redor dela aos vivos. Vémonos na masa!

Venres 1 de novembro, día d@s mort@s, saída ás 20:00h da Praza de María Pita.

Cartaz para descargar: https://velosofia.wordpress.com/wp-content/uploads/2013/10/viiianiversariomccorunha.png

reCiclos é un taller non comercial de reciclaxe e reparación de bicicletas. Abrimos cada luns de 18:00 a 21:00h no soto do número 115 da r/Barcelona (A Coruña). [+info]
Creative Commons License