A Masa Crítica (en adiante MC) é un evento ciclista de participación aberta, non competitivo e non comercial.

Masa Crítica A Coruña 3/6/2011

Polo xeral un venres e con carácter mensual −nunha mistura de paseo colectivo, festa na rúa e bicifestación− a cita reúne a ducias, centos e, ás veces, milleiros de persoas sobre as súas bicicletas e outros medios de transporte non poluíntes para tomar as rúas de cerca de catrocentas cidades diferentes, conformando así un movemento social a escala planetaria, cuxo activismo se centra no ámbito da mobilidade e promove a bicicleta como tecnoloxía lúdica e alternativa á degradación medioambiental, as desigualdades sociais e a violencia que implican as políticas do todo para o coche privado.

A primeira MC da historia celebrouse en San Francisco en setembro de 1992, e aínda que xa desde os primeiros anos comezou a extenderse a outras cidades e vilas, foi na experiencia californiana onde se desenrolou o conxunto de tácticas que hoxe se blanden en tantos lugares diferentes. Entre outras, a de darlle un perfil celebrativo e festivo baixo o lema pedalea todos os días, celébrao unha vez ao mes.

A Masa Crítica na Coruña.

Na Coruña a MC celébrase cada primeiro venres de mes ininterrompidamente desde novembro do 2005. Ás 20:00h reunímonos na Praza de María Pita para saír en bicicletada.

Ademais das pedaladas mensuais, xs activistas da MC da Coruña organizamos outros eventos de periodicidiade anual, como as 12 horas en bici ou a marcha ciclonudista mundial, e outros máis puntuais como estudios comparativos dos medios de transporte na cidade. Participamos tamén das sucesivas edicións da MC Galega (na que ao final de cada verán nos xuntamos as MMCC das diferentes cidades galegas) e das citas transnacionais da MC en Europa. Tamén da MC da Coruña naceu o ciclotaller comunitario reCiclos.

III Masa Crítica Galega, Lugo 19/9/2009

Cotidianidade e movemento.

Mide mal quen vexa a MC como un evento esgotable en si mesmo,  primeiro porque este hibrida coa práctica cotián da mobilidade alternativa (Pedalea cada día, celébrao unha vez ao mes), e segundo porque a súa realidade máis estreita como evento non é separable da súa dimensión de movemento social. A MC promove o pe(da)lear diario de cada vez máis persoas e a súa comunicación e loita conxunta.

Nun ambiente de festa e protesta, a zona libre de coches que abre a MC facilita a moitas persoas circular por primeira vez pola calzada, comezando a reapropiarse da súa cidade gracias á seguridade que crea o grupo. Outro aspecto importante é que sempre se están compartindo coñecementos que facilitan a ciclabilidade da cidade (itinerarios máis seguros, bicicleta e indumentarias máis axeitadas, etc), i é un espazo de comunicación sen igual no que se refire á articulación das políticas alternativas dxs ciclistas.

Horizontalidade e “xerocracia”.

A MC é un movemento cun forte carácter inclusivo, descentralizado e horizontal. O que significa que non existe un centro organizativo nin xerarquía ou discriminación entre xs activistas e calquera persoa pode participar ao mesmo nivel que calquera outra; propoñendo temas ou rutas para cada bicicletada e involucrándose en calquera das deliberacións colectivas.

Kritikona Mundiala, Bilbo 14/5/2011

A noción de “xerocracia” (distorsión do, aínda menos usado, vocablo xerografía) naceu na MC a modo de principio organizativo disensual e aberto, en oposición ao modelo de organización burocrática e xerárquica. Aínda que o palabro apenas é coñecido fóra do contexto anglosaxón, as dinámicas xerocráticas operan en tódolos lugares. Significa que xs participantes da MC teñen liberdade para fotocopiar e difundir as súas propias visións do movemento e as súas propostas ao resto de participantes e ao público xeral, se ben cada vez máis a internet é o lugar onde se dan a maioría destas prácticas (listas de correo, foros, blogues, etc.)

Enlaces de interese:

Lista de correos da Masa Crítica da Coruña.

Foro das Masas Críticas Galegas.

Grupo en Facebook das Masas Críticas Galegas.

Portal da asociación ecoloxista Verdegaia sobre bicis.

Blogue da Masa Crítica de Lugo.