You are currently browsing the monthly archive for Xaneiro 2014.

Definitivamente, a cidade é unha xungla. E non se entende por qué a tanta xente lle parece que tal constatación é unha mala noticia. Ao contrario, a quen sabemos das vantaxes da biodiversidade e da cooperación entre especies parécenos estupendo que ese caos auto-organizado que son as urbes se pareza, na súa complexidade i exuberancia, a unha desas selvas tropicais por cuxa preservación tanto se loita. Só ao máis vulgar dos darwinismos sociais podería antoxárselle que o que as metrópoles sexan non unha negación, como se pensa, senón unha apoteose dos mecanismos que rexen a natureza implica algo así como o triunfo do máis agresivo, do máis poderoso, do máis déspota. Como Darwin xa nos fixera notar, nas xunglas non prospera o máis forte, senón o máis adaptado.

Porque as cidades, en efecto, son unha xungla, o elemento que ten máis porvir nelas non é o equivalente mecánico dos grandes depredadores, os vehículos máis potentes, máis veloces e polo xeral máis destrutivos. Cun 4×4 un pode arrasar medio monte para demostrar o seu amor pola vida ao aire libre. Cun coche-bala pode un arrogarse un precario dominio sobre as circunstancias un venres pola noite. Cunha moto de gran cilindrada pódese sentir, de pronto, o que debe ser ter algo de verdade potente entre as pernas. Pero todos eles fracasan cando, a unha hora punta, se enfrontan ao que ocorre na xungla de asfalto, demostran a súa incompetencia, perden a partida ante o ímpeto da natureza urbana desatándose ao seu redor. Nese contexto volve a cumprirse a lei da selva, e a man gáñaa de novo a astucia da besta que se afai mellor ao seu nicho ecolóxico, que se prega ás súas necesidades e que por iso merece non só o beneficio da supervivencia senón tamén as vantaxes de todo tipo de intercambios co seu medio ambiente. O que mellor se axusta á violencia estrutural dunha cidade abandonada ás súas propias enerxías é, recoñezámolo, a humilde e vulnerable bicicleta.

Coa bicicleta un atópase ante un deses típicos paradoxos da condición de civilizado. Pasa como co nudismo. Ir nu pode ser hipercivilizado ou subcivilizado, ou es un naturista socialdemócrata sueco ou un redutor de cabezas da Amazonia. O uso civil da bicicleta é vítima dun contrasentido polo estilo. Os cidadáns desprázanse en bicicleta nos países máis pobres (Cuba, Marrocos, Vietnam…) e nos máis ricos (Holanda, Xapón, Canadá…). Hai países que van tan atrasados que a xente aínda vai en bicicleta. En cambio outros son tan avanzados que a xente xa comeza a ir en bicicleta. Ler o resto desta entrada »

ZGZ_rebelde
O enemigo rebelde a someter non é outra cousa que o que Lefebvre define e describe como o urbano. E, que é o urbano? O urbano non é a cidade. A cidade é unha base material, unha morfoloxía, un dato presente e inmediato, algo que está aí. O urbano é outra cousa: unha forma específica de organizar e pensar o tempo e o espazo en xeral que non require por forza constituírse como elemento tanxible, posto que podería existir i existe como mera potencialidade para actos e confluencias realizados ou virtuais. O urbano é a obra da xente, en vez de imposición como sistema a esa xente. Un punto cego que escapa da fiscalización de poderes que non saben qué é nin de qué está feito. A pesar dos ataques que recibe por parte de quen viven obsesionados coa súa desactivación, o urbano persiste e incluso intensifícase, posto que se nutre do mesmo que non deixa de alteralo. Sen poder impedilo, no seu seno a simultaneidade dos encontros persiste e gaña en complexidade, constituíndo e reconstituíndo centros, multiplicándose e intensificándose entre contradiccións.

Extracto de “Lo urbano como desacato. Actualidad de Lefebvre”. Reseña de “La producción del espacio”, de Henri Lefebvre (Capitán Swing, 2013).

Créditos de imaxe: Zaragoza Rebelde.

reCiclos é un taller non comercial de reciclaxe e reparación de bicicletas. Abrimos cada luns de 18:00 a 21:00h no soto do número 115 da r/Barcelona (A Coruña). [+info]
Creative Commons License