You are currently browsing the tag archive for the ‘reCiclos’ tag.

Hoxe o Ciclotaller reCiclos vove levantar a reixa do Propolis para comezar un novo curso de reciclaxe e auto-reparación, no que os horarios se manteñen sen cambios con respecto aos catro anteriores: cada luns de 18:00 a 21:00 horas.

Pola contra, si hai cambios importantes no seu modo de funcionamento. Aplicarase un sistema de quendas (hai que pillar número para empregar o taller) e desaparecen a oferta de bicicletas completas ou a súa montaxe a partir de materiais soltos, limitándose os servizos do taller a axustes e reparacións.

Mantense o stock de compoñentes reciclados e seguirán recolléndose tamén as doazóns de bicicletas completas á espera de elaborar novos procesos de reciclaxe para elas.

Agardamos as vosas avarías e colaboracións.

O vindeiro martes 14 de agosto ás 18:00h celebramos no Fórum Propolis (r/Barcelona 115) unha asemblea do Ciclotaller reCiclos para preparar o novo curso, esta é aberta a calquera persoa interesada en colaborar dalgún modo co taller i entre os temas xa propostos están a reapertura logo das vacacións, a disponibilidade de mecánicxs e demais voluntarixs e un novo procedimento para o emprego do taller.

Este venres, como cada derradeiro do mes, toca Masa Crítica en Vigo. A pedalada sae ás 20:00h da Praza América e para o día seguinte, sábado 28, maseir@s locais organizan coa colaboración de reCiclos un cursiño básico de ergonomía, mantemento e pequenas reparacións da bicicleta. Terá lugar ás 11:00h no local Amalgama (Marqués de Valterra 5, Baixo), onde están a crear un ciclotaller autoxestionado. Non é necesaria a inscripción.

Preme aquí para descargar o flyer da convocatoria.

O ciclotaller reCiclos toma vacacións durante este verán. Aínda que faremos algunhas actividades con outros colectivos, as sesións de autoreparación dos luns non voltarán ata agosto ou setembro. Se queredes contactar connosco podedes escribirnos a porpropolis[arroba]gmail[punto]com.

Nun ambiente celebrativo e formativo, a finais do pasado xullo tivo lugar nun pequeno pobo austríaco a primeira edición do Cyclocamp, un festival Do It Yourself (faino ti mesmx) de carácter transnacional -na práctica fundamentalmente europeo- en torno á creatividade político-cultural do activismo ciclista que reuniu a cerca de duascentas persoas de máis dunha trintena de proxectos diferentes.

O Cyclocamp revelouse como un encontro sen par a esta beira do Atlántico -en Norteamérica existe o homólogo BikeBike!– debido á confluencia de activistas de moitos países diferentes e o seu carácter decididamente comunicacional e reflexivo. Sen disquisicións teoréticas moi elaboradas nin moita amplitude de observación (levarían máis tempo do que agora dispoño e máis traballo do que levo feito), neste post comparto as notas tomadas durante a semana que durou o festival e pouco máis. Ler o resto desta entrada »

Esta fin de semana estaremos en Compostela apoiando o proxecto de cilotaller do CSOA Casa do Vento.

Venres 14 a partir das 19:00h | charla-presentación “O movemento dos ciclotalleres autoxestionados en Europa e a experiencia reCiclos”.

Sábado 15 e domingo 16 a partir das 11:00h | Cursiño de mecánica da bici. Cursiño completo pensado para xs voluntarixs do ciclotaller da Casa do Vento e aberto a calquera persoa interesada.

A Casa do Vento atópase no nº 15 do Rueiro das Figueiriñas.

Esta semana temos dobre sesión do cursiño de mecánica da bicicleta.

O martes a partir das 20:00h cambios, e o xoves a partir das 18:00h pedalieres. Ambas sesións terán lugar no local de reCiclos (Fórum Propolis, r/Barcelona 115 souto).

A participación é aberta e de balde.

Este xoves 14 a partir das 18:00h, no local de reCiclos (Fórum Propolis, r/Barcelona 115 souto), aprende a instalar e axustar a dirección da bicicleta.

Se ben a dirección da bicicleta ten unha aparencia de tecnoloxía bastante esotérica, é máis simple ca os freos, tratados na primeira sesión. Nesta segunda abarcaremos os dous tipos de dirección máis comúns na actualidade; os xogos de dirección con rosca e os sen rosca (máis coñecidos polo seu nome en inglés, ahead set).

A participación é aberta e de balde.

O ciclotaller reCiclos está novamente aberto ao público xeral nas tardes dos luns. De 18:00 a 21:00 horas, podes traer as túas avarías, necesidade de bici, sapiencia, doazóns, etc.

Logo dun mes de reorganización, hai algúns cambios: (1) aforo limitado en función do número de voluntarixs que abran o taller, (2) acceso restrinxido ao almacén, só en compaña dxs voluntarixs, e (3) cumprimento estricto do horario.

Este xoves 7 a partir das 18:00h, no local de reCiclos (Fórum Propolis, r/Barcelona 115 souto), aprende a instalar e reparar os freos da bicicleta.

Nesta sesión abarcaremos os coñecidos como freos de aro, que funcionan actuando sobre o aro da roda e son os máis extendidos na actualidade xunto aos de disco, que agardamos tratar noutra sesión. Isto comprende freos de tensado lateral (tamén chamados “de estrada”), cantilever e V-brake.

A participación é aberta e de balde.

reCiclos é un taller non comercial de reciclaxe e reparación de bicicletas. Abrimos cada luns de 18:00 a 21:00h no soto do número 115 da r/Barcelona (A Coruña). [+info]
Creative Commons License