You are currently browsing the tag archive for the ‘Masa Crítica’ tag.

VIIIaniversarioMCcorunhaReducido

A Masa Crítica está morta. A Masa Crítica da Coruña está morta. Fai pouco máis duns cinco anos na cidade apenas unhas poucas ducias de persoas nos desprazábamos decote en bici, case que nos coñeciamos todas, hoxe somos unha marea crecente e respétasenos bastante máis. Algunhas das xentes que sacaban a bici pouco máis que para «ir á masa» agora fano a diario, e algunhas das que tiveron nas bicicletadas a súa primeira experiencia nos movementos sociais convertéronse en activistas altamente implicadas en diferentes comunidades e loitas sociais, pódese falar dunha verdadeira eficacia existencial, dun movemento capaz de cambiar formas de vida. Os lazos de veciñanza, amizade, colegueo, amor, etc. entre participantes seguen a darse, as iniciativas que foron agromando ao redor da masa conseguiron manterse e seguen funcionando: o taller reCiclos, Mobi-Liza, a Ciclofactoría, etc. A forma de organizarse e actuar da Masa Crítica está hoxe moitísimo máis estendida que fai oito anos. Pero a masa está morta. A bicicletada, o paseo, o evento, está morto, nos últimos meses pouco máis de dez persoas en cada cita. A poética do espazo público recuperado e compartido xa non se dá, canta menos masa peor se pasa, e a tensión creativa entre mes e mes tamén desapareceu deixándoo todo como un xardín abandonado, cheo de recordos alucinantes, iso si.

Ironicamente o aniversario da masa cae este ano no día dos mortos, en que a tradición di que os finados poden volver ao mundo vivo e visitar os lugares que habitaron e as persoas que amaron, quen sabe. Apelamos en todo caso ao potencial da morte para xuntar ao redor dela aos vivos. Vémonos na masa!

Venres 1 de novembro, día d@s mort@s, saída ás 20:00h da Praza de María Pita.

Cartaz para descargar: https://velosofia.wordpress.com/wp-content/uploads/2013/10/viiianiversariomccorunha.png

DSCF5265 
Queremos estender un chamamento moi especial á comunidade ciclista da cidade da Coruña, e a todas as persoas que desexan unha mobilidade socialmente beneficiosa, pacificada e libre dos moi nocivos privilexios do automóbil privado, a participar na Masa Crítica deste venres 5 para manifestar o seu rexeite ás reformas do Regulamento de Circulación que desde fai meses vén anunciando o Ministerio do Interior, e que xa foron plasmadas fai escasos días nun borrador de decreto de reforma presentado pola Dirección Xeral de Tráfico.
 
Cremos que estas reformas implicarían unha gran perda de dereitos que de forma colectiva, cotián e práctica fomos multiplicando entre tod@s nos últimos anos. Habería un marco legal máis permisivo co acoso d@s ciclistas por parte de automobilistas e administracións, e marcadamente desincentivador do seu uso, o que non faría senón aumentar os riscos de padecer accidentes, lesións e a morte. Ler o resto desta entrada »


http://masacriticagalega.wordpress.com

Este venres, como cada derradeiro do mes, toca Masa Crítica en Vigo. A pedalada sae ás 20:00h da Praza América e para o día seguinte, sábado 28, maseir@s locais organizan coa colaboración de reCiclos un cursiño básico de ergonomía, mantemento e pequenas reparacións da bicicleta. Terá lugar ás 11:00h no local Amalgama (Marqués de Valterra 5, Baixo), onde están a crear un ciclotaller autoxestionado. Non é necesaria a inscripción.

Preme aquí para descargar o flyer da convocatoria.

O percorrido da Masa Crítica deste mes rematará no Fórum Propolis (r/Barcelona 115; o mesmo espazo onde se aloxa o taller reCiclos), na cea/baile que celebra a Asociación de Sen Papeis da Coruña.

Haberá comida e bebida típica de Senegal: couscous con polo, couscous vexetal, charci, bisap e café. O menú custará 5 euros, aínda que tamén se poderán adquirir os productos por separado.

Tamén se farán «jujas», trenzas de fío no pelo e moveremos a cadeira con ritmos africanos.

Para saber máis sobre a asociación podes botarlle un ollo á reportaxe de X. Antón Bocixa para Praza Pública:

Primeira parte: http://praza.com/video/10/asemblea-de-persoas-sen-papeis-na-coruna/

Segunda parte: http://praza.com/video/11/sen-papeis-segunda-parte/

A bicicletada sae, como cada primeiro venres de mes, ás 20:00h da Praza de María Pita.

Mbolo Moy Doole!
(a unión fai a forza)

A Criticona é un dos tres eventos transnacionais que cada ano celebra o movemento Masa Crítica en Europa. Esta edición terá lugar en Valladolid os días 11, 12 e 13 de maio , e as masas críticas galegas organizan de novo unha viaxe en bus*. Podes anotarte aquí.

*O prezo será duns 50€ por persoa (48€ de ser 25 persoas, como na edición anterior): ida e volta; aloxamento de balde. O bus sairá da Coruña na madrugada do venres 11 ao sábado 12 e voltará na madrugada do domingo 13 ao lus 14, con posibilidade de facer paradas en Santiago e Lugo.

Este ano botaranse cen quilos de castañas ao lume…

http://masacriticagalega.wordpress.com/

Vai para vinte anos, en setembro do 92 tras un visionado de Return of the Scorcher (1992), un grupo activista da cidade de San Francisco toma do documental do propio White o nome de Masa Crítica para a práctica de paseos ciclistas mensuais na que comezaran a traballar pouco tempo antes. Aínda que tamén dea conta da rápida internacionalización do movemento político, We are traffic! está centrada nesta experiencia californiana da que agroma un conxunto táctico que -con pequenas diferencias en cada localización singular- é o blandido en centos de cidades; unha zona autónoma temporal e festiva que circula resignificando as bicicletas e os espacios públicos baixo o dominio das políticas do todo para o coche privado. A máis, é en San Francisco onde se dá a máis disparatada intervención para controlar a Masa Crítica desde os poderes públicos, que titubean entre a disuasión e a patrimonialización, e que desencadeará os disturbios de xullo do 97.

En Return of the Scorcher quixen combinar a historia radical da bicicleta co seu emerxente renacimento nun contexto de crises medioambientais e sociais.
Ted White.



De cómo Scorcher deu nome ao movemento Masa Crítica:

George Bliss i eu fomos a China a investigar a escea ciclista alí e facer algunha filmación. Na película George describía o fluxo das bicis e o tráfico motorizado nas cidades chinesas como “unha cuestión de masa crítica”, na que “as bicis achéganse ás interseccións [sen semáforos] e agardan ata reunir a un número suficiente para sair e impoñerse aos coches, facéndoos deterse, e viceversa”.
Return of the Scorcher fíxose pública no momento e o lugar máis certeiros -verán de 1992 en San Francisco-, e ante o público máis oportuno. […] Aquela esceda de “masa crítica” en China realmente conectou coa xente e, nun par de meses, o que comezara como “Coágulo de Ciclistas Urbanos” (Commute Clot), pasou a chamarse “Masa Crítica”.

Extracto de: White, Ted, “Reel on Wheels” en Carlsson, Chris, Critical Mass, Bicyclingn’s Defiant Celebration, AK Press, Oakland, 2002.

reCiclos é un taller non comercial de reciclaxe e reparación de bicicletas. Abrimos cada luns de 18:00 a 21:00h no soto do número 115 da r/Barcelona (A Coruña). [+info]
Creative Commons License